O nome Pero na (micro) toponimia Xosé Luís González Paz – Nov. 2022. Ampliado e reeditado – Nov. 2025. Resumo Este traballo presenta un corpus de microtopónimos e topónimos derivados do antropónimo Pedro / Pero, de ampla implantación en Galicia desde época medieval, atestado en 304 parroquias, o que o sitúa como o segundo máis frecuente despois de María. O estudo abrangue igualmente determinados derivados do apelativo común pedra, rexistrados na súa forma apocopada pera, con variantes fonéticas e morfolóxicas. Abstract This paper presents a corpus of microtoponyms and toponyms derived from the anthroponym Pedro / Pero, widely attested in Galicia since the medieval period, documented in 304 parishes, making it the second-most frequent after María. The study likewise includes certain derivatives of the common noun pedra, recorded in its apocopated form pera with phonetic and morphological variants. Introdución O antropónimo masculino Pero, variante medieval do actual Pedro, reviste un interese particular para a toponimia pola súa variabilidade formal e pola súa alta frecuencia xa documentada na Idade Media, período no que constitúe o nome persoal máis común nos séculos XII e XIII 1 . O presente traballo compila e analiza un conxunto de microtopónimos e topónimos relacionados con este antropónimo, que doutro xeito presentarían unha etimoloxía non transparente. O lat. Petrus (ac. Petrum) evolucionou a Pedro e, posteriormente, á variante Pero, que adquiriu amplo predominio na onomástica medieval galega. Da súa variante proclítica Per, documentada na toponimia, xurdiron as formas Por e Pur, así como as formas Per- /Pre- e Por-/Pro-.Todo isto deu lugar a topónimos de etimoloxía parcialmente opaca 2 . Esta evolución presenta un paralelismo coa do apelativo latino petra ‘pedra’, que o rexistro toponímico confirma ter dado lugar, alén de pedra, ás formas pera e para, coa variante proclítica par. V.g. as abundantes formas Pedrafita, Perafita e Parafita, 3 cristalizadas a partir do sintagma petra ficta, ou Parafesa a partir de Petra Fissa ‘pedra fendida’, ou Paradante a partir de Pedra da Ante. Como noutros casos, a toponimia permite albiscar fósiles lingüísticos, mentres que na fala apenas sobreviviu a forma común pedra”. 1 No séc. X, indica Boullón (1999) que figura no posto 13º, por riba de “Paio”. 2 Nalgúns topónimos tamén se dá a variante Para, que colidiu coa evolución de petra. 3 Tamén orixinou a curiosa Pedrafrita, por reinterpretación.