A CONSIDERACIÓN DINÁMICA DA XUNTA DE GALICIA: FUNCIONAMENTO DO CONSELLO E PROCEDEMENTOS DO EXECUTIVO.- Xosé Antón Sarmiento Méndez Letrado do Parlamento Profesor de Dereito Constitucional da U. de Vigo 1.- O funcionamento da Xunta de Galicia.- Unha materia que, tanto política como xurídicamente, se presenta como de importancia destacable é a dos criterios ordenadores dos traballos do goberno galego. O lexislador autonómico optóu nembargantes por remiti-la regulación desta cuestión no artigo 9 da lei da Xunta e do seu Presidente 1 ós acordos internos do Consello, para artella-las normas internas “ que se precisen para a boa orde dos traballos e para a adecuada preparación dos acordos que deban de adoptarse, mediante un Regulamento de Réxime Interior que haberá de axustarse ós términos da presente lei”. Esta última referencia legal da necesidade de respecto do principio de legalidade é claramente ociosa por imperativo constitucional e estatutario, e non deixa de ser ilustrativa da “mala conciencia” que debéu ter o autor da lei ó deixar para un texto de rango inferior o tratamento de temas como a elaboración de disposicións de carácter xeral que merecen a reserva de lei para a súa abordaxe. Esta actividade de elaboración normativa gubernamental presenta a dúbida da aplicabilidade das disposicións previstas antes nos artigos 129 a 132 da Lei de procedemento administrativo e hoxe no artigo 22 da Lei 50/1997, xa que cabería entender que a elaboración de disposicións de carácter xeral (entre elas os proxectos de lei) poderían ser incluídos dentro do "procedemento administrativo común" ó que alude o artigo 149.1.18 da Constitución, séndolles polo tanto de aplicación a normativa estatal. Nembargantes a STC 15/1989 do 26 de xaneiro contén no seu fundamento xurídico 7º a seguinte afirmación que matiza o citado enfoque: "o procedemento de elaboración de disposicións de carácter xeral é un procedemento administrativo especial respecto do que as Comunidades Autónomas gozan de competencias exclusivas cando se trate do procedemento para a elaboración das súas propias normas de carácter xeral". Así pois o Dereito contemplado na lexislación de procedemento administrativo será aplicable só no seu carácter de dereito supletorio conforme ó establecido no artigo 149.3 da Constitución. A pesar desta exclusividade, as normativas autonómicas téñense decidido a asumir un procedemento de elaboración moi similar ó estatal. Deste xeito o Decreto 111/1984 do 25 de maio (modificado polo decreto 57/1994 do 25 de marzo) regulador do réxime interior da Xunta de Galicia, contén nos seus artigos 6 e seguintes un 1 Remisión que técnicamente sería máis axeitado incluir nunha disposición adicional da lei e non no articulado.