29 Ideoloxías lingüísticas na comunidade galega de fala. O caso da cidade da Coruña. Arturo de Nieves Gutiérrez de Rubalcava Universidade da Coruña Resumo Este artigo céntrase na análise das ideoloxías lingüísticas presentes nos discursos de seis informantes residentes na cidade da Coruña. Porén, buscouse en todo momento conectar as lóxicas par- ticulares destes seis informantes co contexto xeral ao que pertencen: o da comunidade galega de fala. Para isto levouse a cabo traballo de esculca teórica e cuantitativa, co fin de contextualizar o material obtido a través da realización de entrevistas en profundidade. 1. INTRODUCIÓN “Que queres, Pólechka? Fálame en francés, parlez-moi français. Ensineicho a falar, e xa sabes unhas cantas frases…! Doutro xeito, como van notar que sodes dunha familia nobre, que sodes uns nenos educados e non coma eses titiriteiros?” (Crime e castigo. Fiódor Dostoievski) O presente artigo 1 fai parte dun proxecto de investigación máis ambicioso sobre a conformación e distribución socio-espacial das ideoloxías lingüísticas pre- sentes na Comunidade Autónoma de Galicia (CAG, de aquí en diante). O texto aquí presentado céntrase na análise de seis entrevistas en profundidade realiza- das na cidade da Coruña. Como veremos máis adiante, o material obtido a partir destas seis entrevistas presenta a coherencia interna precisa para podermos afir- mar que se captou parte da lóxica subxacente ao que se pode considerar un proce- so xeneralizado de substitución lingüística do galego polo español, que afectaría ao conxunto da sociedade galega. A formulación teórica xeral que orienta o desenvolvemento do artigo en- tende que ao analizar o lingüístico, analizamos tamén o social. Así, a través da análise das entrevistas, tentáronse captar parte dos significados sociais que adqui- re a lingua. O estudo da lingua en sociedade, lonxe de ser un obxecto de estudo inocente, agocha fondas relacións de poder dificilmente analizábeis atendendo 1 Traballo realizado co apoio do Fondo Social Europeo e da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria - Xunta de Galicia Revista Galega de Ciencias Sociais, 7 (2008) ISSN: 1695-6427