Nº 8 | ADRA | 117 XAIME FANDIÑO ALONSO, ZÓSIMO LÓPEZ PENA, HENRIQUE NEIRA PEREIRA Equipo de investigación Canal Campus Facultade de Ciencias da Comunicación. Universidade de Santiago de Compostela E-mail: info@canalcampus.com Web: www.canalcampus.es A popularización do fonógrafo en Galicia: 1878 - 1895 Resumo. As innovacións tecnolóxicas na historia da sociedade moderna tiveron un papel fundamental na popularización da música. O rexistro e a reprodución sonora a partir de soportes físicos, desde os primitivos papeis encerados e os cilindros de estaño ou cera ata os máis modernos formatos dixitais, axudou á difusión de xéneros, composicións e artistas por todo o planeta. Neste artigo ilustrarase cales foron as primeiras tes- temuñas da chegada do fonógrafo a Galicia: como este invento entra polas cidades con porto de mar, sendo un motivo de interese e sorpresa por parte da sociedade acomodada e espallándose en poucos anos desde as cidades ás vilas. As pioneiras audicións públicas con reprodución mecá- nica de música son o precedente directo dos espazos que hoxe, no século XXI, chamamos discotecas. Palabras clave: Fonógrafo, música popular, reprodu- ción musical mecánica, rexistro de son, Enrique Labar- ta Pose, Thomas Alva Edison Nunha tarde de xullo de 1877, e nunha conversación do inventor estadounidense Thomas Alva Edison cos seus axudantes, xurdiu a idea de trasladar a papel as vibracións transmitidas a través do teléfono para logo poder reproducilas de novo (Stross 2013). No mesmo día prepararon un dispositivo co que gravaron “Mary had a little lamb” (‘Mary tiña un añiño’) cun resultado regu- lar pero que os animou a continuar experimentando, de maneira que cambiaron o papel normal por papel de estaño que enrolaron nun cilindro. O fonógrafo, nome que finalmente lle puxeron, foi presentado en público o 29 de novembro de 1877 e patentado o 19 de febreiro de 1878. A primeira referencia a un fonógrafo na prensa galega 1 é do 13 de febreiro de 1878, cando El Diario de Santiago publica, na súa páxina 2, unha noticia datada en Ferrol o día 11 e procedente probablemente do Diario del Ferrol. Di así a nota: “Sabemos que nuestro apreciable amigo el ingeniero de la Armada Sr. Comerma, ha encargado un fonografo aparato que ya conocen nuestros lectores por la descripcion que de él se hizo en nuestro número del viernes. Es muy posible que por esta circunstancia el fonografo sea conocido en Ferrol antes que en todo el resto de España”. 1 A consulta está feita na prensa dixitalizada no portal da Biblioteca Dixital de Galicia Galiciana.