A EMIGRACIÓN CARA A EUROPA NA LITERATURA GALEGA Dolores Vilavedra Universidade de Santiago de Compostela INTRODUCCIÓN Noutras ocasións (Vilavedra 2001; Lama e Vilavedra, 2001) teño xa escrito sobre como se articulou literariamente a visión da emigración galega, mais fíxeno atendendo de xeito prioritario á emigración tradicional, é dicir, á que tiña por destino os diferentes países latinoamericanos, nomeadamente Arxentina. Nesta ocasión quero mudar radicalmente de perspectiva para poñer o foco nun conxunto de textos que se asoman a un mundo do que se ten falado moito menos na nosa literatura, se cadra pola súa maior proximidade espacial e temporal a nós: o da emigración europea. Esa proximidade, que poderiamos pensar resta obxectividade porque proporciona unha visión astigmática, presenta na miña opinión unha vantaxe á hora de abordar o tratamento literario do tema: a de dificultar a idealización, a estereotipización e a fosilización a que tantas veces sometemos aquilo que está afastado de nós, sexa xeografica ou cronoloxicamente, como tantas veces aconteceu coa emigración americana. Por outra banda, cómpre preguntármonos pola utilidade dun estudo da natureza deste que estamos a propor: que nos pode achegar, alén dunha síntese descritiva que poida resultar máis ou menos reveladora? Que o xustifica? O meu obxectivo sería, en última instancia, contribuír a unha reflexión crítica sobre o valor documental dos textos literarios, tanto no que cada un deles ten de singular coma no conxunto que como corpus configuran. Ese valor, ademais, pode ser asertivo ou defectivo, é dicir, podemos xulgar que un texto ou textos ofrecen unha información valiosa sobre determinados temas que tratan, ou xulgar como significativa para a comunidade produtora a ausencia de textos literarios sobre ese tema. No caso que nos ocupa, trátase de valorar se os textos que comentarei ofrecen unha imaxe obxectiva do que foi a emigración galega a Europa ou, ao contrario, se o reducido dese corpus pode inducir á minusvaloración e distorsión do verdadeiro alcance do fenómeno. En última instancia, as respostas que procuramos son útiles só en tanto en canto poñen de manifesto o verdadeiro alcance do discurso literario como configurador dun imaxinario social máis ou menos aproximado ou afastado ao real empírico. O boom migratorio español cara a Europa prodúcese entre 1960 e 1973, período no que ubicamos a trama das obras que imos comentar. O motivo foi, como é sabido, o remate do período de autarquía dos 40 e a apertura derivada do Plan de Estabilización económica de 1959. O acelerado desenvolvemento económico propiciou unha serie de reaxustes demográficos interterritoriais e a conseguinte drenaxe de excedentes laborais cara ao exterior (Vilar: 28). Por outra banda, non podemos obviar os obxectivos netamente ecónomicos que orientaron as políticas franquistas de fomento da emigración a Europa que procuraban, en última instancia, incrementar as divisas coas que financiar