1 PUBLICADO EN: LAGO, S.; VAQUERO, A. (Dir.) (2004): A economía de Ourense a debate, Facultade de Ciencias Empresariais de Ourense. Universidade de Vigo, Ourense, pp. 77-93 O SECTOR AGRARIO EN OURENSE: ENTRE A REESTRUCTURACIÓN E O ABANDONO Edelmiro López Iglesias IDEGA/ Departamento de Economía Aplicada Universidade de Santiago de Compostela RESUMO Este texto ten dous obxectivos esenciais: efectuar un balance sobre as transformacións que experimentou o sector agrario en Ourense desde a integración europea; sinalar ao mesmo tempo as características esenciais que definen hoxe ao sector apuntando tamén algunhas ideas sobre o seu futuro. Os datos mostran que os primeiros 15 anos de integración na UE se saldaron para o sector agrario ourensán con: unha contracción do output real, unha caída aínda maior da renda agregada pero unha mellora considerable en cambio da renda/ ocupado como consecuencia do fenómeno esencial que marcou o período, a reducción nun 80% do número de agricultores. Iso acompañouse de modificacións significativas nas liñas de especialización, entre as que cabe salientar: o reforzamento da avicultura de carne e a rama vitivinícola, o notable aumento do peso da actividade forestal, e o retroceso en cambio das produccións bovinas, a avicultura de posta (ovos) e as patacas. Partindo da debilidade que sigue presentando o sector, plasmada en que a renda/ ocupado se limita ao 40% da media española, apúntase a necesidade de abordar profundas reformas estructurais relacionadas sobre todo co redimensionamento das explotacións e a mobilización productiva da terra. Sinalando ao mesmo tempo as potencialidades que podería abrir o discurso sobre a “multifuncionalidade da agricultura” que preside –nas declaracións de principios- as actuais orientacións da política agraria na UE.