A transmisión de galego e portugués en contexto migratorio entre estudantes da Universidade de Barcelona Pere Comellas Casanova Universitat de Barcelona perecomellas@ub.edu Resumo O traballo pretende analizar a transmisión lingüística de galego e de portugués entre estudantes da Universidade de Barcelona con antecedentes familiares falantes destas linguas. A mostra toma como base un cuestionario distribuído entre os estudantes alóglotos da UB. Un total de 95 informantes manifestaron ter algún antecedente familiar falante de galego ou de portugués, aínda que as situacións varían considerablemente no que respecta á presenza das linguas estudadas no cotián e á identificación persoal con elas. O noso obxectivo foi identificar patróns de transmisión en dúas variedades lingüísticas moi próximas entre si como son galego e portugués e tamén coas linguas oficiais da sociedade de destino, neste caso as de Cataluña co catalán e o castelán. Interesábanos observar tanto o grao de preservación das linguas alóglotas coma, no caso de substitución lingüística, a lingua substituidora, especialmente no ítem de lingua de identificación dos suxeitos. O noso traballo presenta indicios que apuntan a unha relación entre quebra da transmisión e lingua minorizada no caso das linguas estudadas, mais esa quebra parece producirse en gran medida nas xeracións anteriores ás dos informantes. Palabras clave: Transmisión lingüística interxeracional, galego, portugués, linguas e migracións 1. Migración e transmisión lingüísticas Entre os factores que correlacionan coa interrupción da transmisión lingüística interxeracional en situacións de migración, a lingua é un dos máis relevantes (Houle 2011). É dicir, existen diferenzas moi considerables no grao de transmisión lingüística interxeracional entre migrantes segundo a lingua familiar. En xeral, a tendencia, como é sabido, continúa a ser a da interrupción e substitución nun máximo de tres xeracións a favor da lingua hexemónica local. A maioría dos estudos sobre esta cuestión proveñen de países anglófonos formados por aluvión migratorio, particularmente O Canadá, Os Estados Unidos ou Australia. En todos eles constátase ese fenómeno de asimilación e perda da lingua de herdanza (Portes e Schauffler 1994 ou Portes e Hao 1998, por exemplo, para os hispanofalantes dos Estados Unidos), pero ao mesmo tempo o ritmo desa perda difire considerablemente en función de, entre outros factores, a lingua. No estudo comparativo da transmisión das linguas alóglotas no Canadá feito a partir dos censos de 1981 e 2006 (Houle 2011), por exemplo, as porcentaxes de transmisión (ou sexa, de menores de 18 anos nacidos no Canadá que declararon a mesma lingua inicial alóglota que seus pais) ían do 3% nos falantes de holandés ao 78% nos falantes de armenio en 1981, ou do 15% tamén no holandés ao 81% nos falantes de punjabi en 2006 (en xeral, o censo de 2006 indicaba unha maior conservación das linguas de herdanza). No noso estudo sobre a transmisión entre adolescentes alóglotos en Cataluña (Comellas et al. 2017) non encontramos diferenzas estatisticamente significativas na transmisión polo que respecta á situación sociolingüística das linguas en cuestión, é dicir, non se daba maior transmisión en linguas con status oficial que en linguas minorizadas en orixe. A nosa hipótese non contrastada era que a situación sociolingüística dos territorios analizados (de ampla maioría social catalanófona) podía exercer algunha influencia no prestixio doutras linguas minorizadas a través do que noutro traballo chamábamos «efecto espello» (Cortés-Colomé et al. 2016): a proxección do prestixio do catalán —lingua minorizada pero fortemente valorizada naquel contexto— nas súas linguas de orixe. Certamente tamén existen indicios que cuestionan claramente esa hipótese. Por exemplo, en Australia, Clyne (2003) observou gran variación na preservación incluso en ondas migratorias distintas da mesma orixe lingüística (o que tamén se verifica ata certo punto no citado estudo do Canadá entre os anos Actas do XIII Congreso Internacional de Lingüística Xeral, Vigo 2018, 226-231